Gestiberia imparte cursos en Galiza sobre Google Analytics

mércores, 4 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Google Analytics, un dos miolos de Google e alí onde reside unha boa parte do segredo do seu éxito (que aglutina máis ou menos o 60% das buscas realizadas en todo o mundo), xa non é unicamente motivo de simple curiosidade. Agora tamén serve de alicerce a unha boa cantidade de encontros, mesas redondas e actividades formativas. Como por exemplo as que vai desenvolver a empresa galega Gestiberia (firma do eido da promoción e o tratamento dos datos en Internet) na nosa terra. Trátase polo tanto duns cursos sobre a ferramenta de medición de tráfico web, Google Analytics.
Segundo informa Gestiberia, trátase de actividades avanzadas encamiñadas a formar aos asistentes en medición e optimización dos aspectos críticos de todo sitio web: posibilidades de uso, iniciativas de promoción, navegación, contidos, posicionamento en buscadores, etc.
As iniciativas, que contarán con profesores recoñecidos polo propio buscador Google e con experiencia achegando contidos a profesionais de Elpais.com ou Atrapalo.com, funcionan como adaptacións das propostas 2.0 da Rede ó formato tradicional dunha clase presencial. É dicir: son cursos participativos onde, igual ca nas páxinas e servizos da nova orde de Internet, calquera pode deixar a súa opinión ou mesmo tomar partido no seu desenvolvemento.