Google Keep para iOS intégrase co Apple Watch

martes, 19 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O servizo Google Keep, que facilita tomar notas, realizar listaxes e almacenar fotografías e audio tirando proveito da nube de Google, e vén de renovar a súa aplicación para iOS, incorporando como grande novidade a posibilidade de empregar a aplicación no Apple Watch, o que supón unha grande vantaxe para os usuarios frecuentes desta ferramenta, que poden así consultar as súas notas a xeito de tarxetas, resultando especialmente atractiva a posibilidade de levar a listaxe da compra no reloxo, para ir marcando os produtos segundo se van incluíndo na cesta da compra.
Unha das funcionalidades máis atractivas de Google Keep no Apple Watch é poder realizar anotacións mediante a voz, soportando tamén a posibilidade de tomar notas mediante xestos. Aínda que estamos nunha primeira versión, cunhas funcionalidades moi básicas, cómpre lembrar que o servizo de Google Keep é completamente de balde e facilita a sincronización das notas con dispositivos Android e a web, polo que resulta moi atractivo para moitos usuarios.

PUBLICIDADE