Google Meet está a integrarse na aplicación móbil de Gmail

martes, 21 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Finalmente Google parece querer aproveitar a grande base de usuarios do seu servizo de correo electrónico, conseguindo así levar a máis xente outros servizos como o sistema de xuntanzas en vídeo Google Meet, e ao igual que na versión web de Gmail temos dispoñibles ligazóns para iniciar reunións de Meet, anuncian que están a realizar un cambio equivalente na aplicación móbil de Gmail.
Deste xeito, nas vindeiras dúas semanas os usuarios da versión móbil de Gmail irán recibindo progresivamente unha actualización que engade unha pestana na aplicación para poder alternar entre o correo electrónico e a plataforma de xuntanzas en vídeo.
Polo momento os usuarios de balde verán só como Google Meet se integra en Gmail, pero no caso dos usuarios con contas en G Suite o cambio irá máis aló, e producirase tamén a integración de Google Chat, Docs e Rooms, centralizando un bo número de servizos dun xeito bastante práctico, polo que non sería sorprendente que en poucos meses trasladen a concentración de servizos baixo unha única aplicación móbil aos usuarios particulares.