Google estrea aplicación de copias de seguridade para Drive e Fotos

mércores, 12 de xullo do 2017 Marcus Fernández

As últimas ameazas de ransomware lembran a importancia de ter copias de seguridade dos nosos ficheiros máis importantes, e para atender a tal demanda Google move ficha e presenta hoxe a renovación das aplicacións de carga de arquivos de escritorio de Google Fotos e Google Drive para Mac e PC de xeito que a partires de agora estas aplicacións son unha solución de copia de seguridade e sincronización dos nosos ficheiros nos servidores na nube de Google.
Esta nova aplicación permite que elixamos os cartafoles do noso equipo dos que desexemos ter copia para que, de xeito automático, teñan copias de seguridade automáticas, sen que o procedemento de salvagarda dos ficheiros teña que ser unha preocupación para nós.
Cómpre detallar que tamén pode configurarse a aplicación para que faga copias de seguridade dos dispositivos USB e as tarxetas de memoria que conectemos ao ordenador, o que resulta de especial interese para almacenar copias das nosas fotografías sen que teñamos que tomar un rol activo á hora de facer as copias.
En calquera caso hai que lembrar que o espazo de almacenamento en Google Drive non é ilimitado, polo que esta nova aplicación pode entenderse como un incentivo para a contratación de máis capacidade de disco nos servidores de Google e conseguir atraer subscritores de outras aplicacións como Dropbox.

PUBLICIDADE