Google estrea unha aplicación para tomar fotografías envolventes para realidade virtual

xoves, 3 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Cada vez son máis os proxectos que queren aproveitar o accesibles que son os cartóns de Google que converten o noso smartphone nuns lentes de realidade virtual, e para que non sexa preciso contar cun complexo sistema de cámaras sincronizadas para capturar imaxes en 360 graos que logo podamos experimentar de xeito envolvente, dende YouTube optaron por unha solución tan básica como efectiva: a aplicación Cámara Cardboard.
Esta nova ferramenta para Android non é máis que unha aplicación para capturar imaxes panorámicas, para o que temos que colocarnos nun punto central mantendo o noso móbil en vertical, premer o botón de gravar e xirar sobre o noso eixe ata que deamos unha volta completa para poder así premer outra vez o mesmo botón para rematar a operación e que a aplicación xere unha imaxe panorámica que dende a propia ferramenta podemos explorar usando o cartón de Google (ou outro tipo de adaptador para converter o smartphone na pantalla duns lentes de realidade virtual).
Como curiosidade para facer a experiencia máis inmersiva, a aplicación Cámara Cardboard tamén rexistra o son, de feito que sentirémonos aínda máis somerxidos nos escenarios que rexistremos en 360 graos.

A aplicación amosa as vistas panorámicas de xeito que podemos gozalas a través de lentes de realidade virtual