Google recomenda a súa aplicación Files para facer limpeza de ficheiros no smartphone

xoves, 8 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Hai preto dun ano Google lanzou a aplicación Files Go, que buscaba solucionar un dos grandes problemas dos móbiles de baixa gama: o limitado espazo de almacenamento. A nova ferramenta permite localizar ficheiros de grande tamaño, ficheiros temporais que poden eliminarse, fotografías das que xa teñamos copia de seguridade, documentos duplicados... en definitiva, que axuda a liberar espazo no noso smartphone.
Pero dende Google consideraron que esta aplicación (que tamén facilita a localización rápida de ficheiros, compartir ficheiros fóra de liña e gardar copias de seguridade na nube) pode resultar do interese de practicamente calquera usuario dun smartphone, incluíndo os que teñen dispositivos de alta gama, de xeito que sobráballe o apelido Go (de Android Go, unha versión de Android para móbiles con moi pouca memoria) e mudaron o nome de aplicación, que a partires de agora é Files de Google.
Files mantén as súas prestacións orixinais, de xeito que continúa a ser unha ferramenta de grande utilidade para facer limpeza no noso smartphone.

PUBLICIDADE