Google recoñece tacitamente o fracaso de Android para tabletas ao dicir adeus ao Pixel C

xoves, 28 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano saía á venda a nova Pixel C, unha tableta de Google que vendíase a un prezo que partía dos 499 euros e que pretendía completarse cunha funda-teclado que facilitase o seu uso para labores de produtividade, pero que, pese a ser un produto de grande potencia e calidade, non parece ter atopado un oco no mercado, como demostran o feito de que non tivese outro produto de Google que tomase o seu relevo e que a propia Google Store eliminase nas últimas horas, e sen avisar, a sección de tabletas na que se vendía directamente, de xeito que falamos dun produto descatalogado.
O Pixel C perdería este mes o seu soporte completo (ao pasar dos 24 meses) e aínda que continuará a ser un produto moi solvente, continúa a ter como grande eiva o operar con Android, sistema operativo que non conseguiu madurar debidamente no contorno das tabletas, que pode considerarse dominado por Apple. O simple feito de que Google retire da venda todas as súas tabletas e que agora non teña ningunha tableta de referencia supón o recoñecemento de que deron tal guerra por perdida, e agora parecen centrados en produtos tipo Chromebook, con grande aceptación no mercado educativo norteamericano, mentres que as tabletas con Android parecen relegadas a produtos de baixa gama dirixidos a un público infantil.

PUBLICIDADE