Gradiant publica a súa memoria de actividades de 2011

martes, 7 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Imaxe dunha acción divulgativa de Gradiant dentro do marco da Semana da Ciencia

O Centro Gradiant está este días na primeira liña de información TIC, en primeiro lugar pola publicación do seu informe de traballo relativo ao ano pasado, unha Memoria de actividades 2011 que recolle un resume das accións e proxectos que Gradiant levou a cabo no devandito período (premios, fogar dixital, eficacia enerxética, seguridade para as novas xeracións de internautas, etc) e que certifica, en palabras dos responsábeis do centro galego, “o intenso labor de investigación e divulgación tecnolóxico e científico que se está a xerar no seu seo”. O documento xa está accesíbel para descarga na web de Gradiant (pdf).
En segundo lugar, e remitíndonos a información publicada xa unhas cantas semanas, por ter acadado a súa incorporación ao o TM Forum, unha asociación global sen arela de lucro que propón a definición e o desenvolvemento de estándares de comunicación para unha xestión eficiente de servizos dos operadores (Frameworx). A incorporación do centro ao TM Forum responde a un compromiso e obxectivo común: facer máis doado, eficaz e unificado o panorama de aplicacións informáticas de xestión das empresas de telecomunicacións a nivel mundial que sexan quen, entre outras cousas, de seguir o proceso de atención ao cliente coma un todo. Dito doutro xeito: faise necesario, a día de hoxe, que haxa unha serie de especificacións que contribúan á uniformización e optimización dos escenarios en que os diferentes sistemas de xestión interactúan. Desta necesidade de acadar máis interoperabilidade xorde o TM Forum, entidade sen arela de lucro que conta arestora con preto de un milleiro de membros, incluíndo 230 provedores de servizo de primeira liña produtiva a nivel mundial. (Vodafone, Deutsche Telekom ou Telefónica, Microsoft, Nokia, HP, IBM ou Huawei). Gradiant sumou o seu potencial e os seus esforzos a esta alianza da man de Optare Solutions, consultora de sistemas OSS, que participa arreo na definición e desenvolvemento da iniciativa Frameworx dende o ano 2005. Para o centro galego, a súa incorporación ao foro é “unha excelente nova”, xa que lle vai permitir traballar ombro con ombro con clientes potenciais nun ambiente neutral, así como dar conta das súas demandas de primeira man. Asemade, incrementaranse con moito as “posibilidades de construír relacións e alianzas con outros provedores ou integradores de servizo e, en definitiva, de posicionarse de forma competitiva dentro do mercado de servizos para operadores”.

PUBLICIDADE