HandBrake permite converter vídeos de case calquera formato baixo Mac OS X

mércores, 26 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios de equipos de Apple levan tempo quedando sen certas aplicacións para a conversión de vídeos aos seus formatos preferidos (por descontinuarse certos produtos de referencia) pero a nova versión de Handbrake, a ferramenta que permitía servir para converter películas de DVD a formatos manexables dende o ordenador, deu un importante salto para aceptar calquera tipo de arquivo de vídeo coma entrada (o que dan en chamar Universal Input). Sumado co feito de que inclúe preconfiguracións para o iPhone, o iPod, a PSP e outros formatos, temos un programa case imprescindible para quen desexe adaptar vídeos ás súas necesidades dun xeito sumamente sinxelo.
A aplicación é un tanto lenta na conversión de vídeos, co que tamén se consegue un acabado de grande calidade, pero hai que recoñecer que con Handbrake 0.9.3 se conseguiu que un programa que basicamente servía para pasar películas en DVD ao iPod se converta nunha das aplicacións imprescindibles para case calquera usuario de Mac OS X (aínda que tamén existen versións do programa para outras plataformas).

PUBLICIDADE