ITG e NTT Data mostran as capacidades da UMI AIRUS para carrexar medicamentos con drons nas cidades

venres, 25 de novembro do 2022 S. P.

A Coruña acolleu este venres 25 a presentación de resultados da Unidade Mixta de Investigación AIRUS, impulsada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a multinacional especializada en tecnoloxías emerxentes NTT Data co apoio da Administración autonómica (Consellería de Economía), cun investimento público-privado de 2,2 millóns de euros. Na cita participaron Francisco Conde, conselleiro de Economía, Enrique Sánchez, responsábel da división de Solucións Aéreas Non Tripuladas en NTT Data, e Analía López Fidalgo, directora de Sensórica e Sistemas Aéreos non Tripulados de ITG,
Segundo lembraron, AIRUS é un software deseñado por ITG e NTT Data que facilita a integración eficiente e segura dos vehículos aéreos non tripulados no espazo aéreo, respondendo así a un dos grandes retos do sector. Permitira cousas concretas como enviar medicamentos dun centro de saúde a outro, advertindo das posíbeis incidencias aos supervisores dos plans de voo, que terán a capacidade de modificar rutas ou facer calquera outro cambio no itinerario. Esta situación, aplicada ao exemplo da Coruña, foi representada este venres 25 polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e NTT Data, mostrando así as capacidades operativas que permite AIRUS, a plataforma tecnolóxica desenvolvida por ambas as entidades para facilitar o control de tráfico aéreo non tripulado en escenarios complexos e calquera ámbito xeográfico.
Durante a presentación nas oficinas da Coruña de NTT Data, expúxose un caso de uso que pode axudar a “mellorar de forma notábel o tempo de transporte nas organizacións sanitarias, axudando a que o proceso loxístico sexa máis eficiente e impulsando un tempo de resposta moito menor en toda a actividade que requira de servizos de transporte”, explicaron, engadindo que “este caso é posíbel mediante drons non tripulados e mellorando mellorar de xeito signifativo as entregas nun recinto hospitalario, o envío de material, utensilios ou medicamentos entre centros de saúde, evitando hipotéticos problemas derivados do tráfico e acelerando a disposición xeneralizada de paquetes con contidos críticos para o cidadán”.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, resaltou que Galicia estase a converter en referente no transporte intelixente do futuro con proxectos como a UMI AIRUS, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Tamén salientou que no Polo xa se levaron a cabo proxectos como Galician Skyway, liderado por Boeing, enfocado cara a seguridade aérea, lembrando tamén que Boeing e Indra están desenvolvendo simuladores avanzados que estarán operativos a partir do próximo ano no CIAR.
O vicepresidente económico destacou que “nesta nova etapa que agora se abre da man dos novos socios tecnolóxicos industriais (Airbus, Babcock e Telespazio) búscase consolidar o Polo como referente a nivel nacional e europeo para estas novas tecnoloxías que contribúan ao desenvolvemento do marco normativo que ten que regular a mobilidade aérea en Europa”.

PUBLICIDADE