Igalia collerá o relevo do navegador web para a realidade virtual e estendida de Mozilla

venres, 4 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Esta semana Mozilla informou de que tras 4 anos de traballo decidiron abandonar Firefox Reality, o seu navegador web para a realidade mixta, que soporta tecnoloxías como WebVR e WebXR, e que podiamos considerar como a principal alternativa ao popular Oculus Browser, pero o máis curioso do adeus de Firefox Reality é que Mozilla decidiu pasarlle o relevo á compañía coruñesa Igalia, de xeito que nas vindeiras semanas veremos como desaparece das tendas de aplicacións Firefox Reality para ocupar o seu lugar un navegador baseado no mesmo código, Wolvic.
Wolvic chegará como un navegador de código aberto, que permitirá abrir unha fiestra á web, incluíndo xogos, vídeos e contornos creados especificamente para a realidade estendida (XR), e que en breve veremos en beta na AppGallery de Huawei e na tenda de aplicacións de Oculus.
Este tipo de navegador web serve para que os contidos que xa están dispoñibles na web poidan consumirse en contornos de realidade virtual, pero tamén poidamos gozar de contidos específicos para contornos de realidade virtual e mixta, de xeito que non só teremos contidos en 2D, senón tamén elementos tridimensionais que poidan dar pé a experiencias inmersivas.
Wolvic está dirixido principalmente a sistemas XR independentes baseados na versión libre de Android, así como en sistemas con HarmonyOS, como serían as Huawei VR Glass, as HTC Vive Focus e os sistemas de Lynx, Pico Interactive e Oculus; aínda que tamén están a traballar Qualcomm e Lenovo para que os seus dispositivos poidan correr Wolvic.

Vídeo de presentación de Wolvic

PUBLICIDADE