Industria matiza que a TDT de pago non supón que os receptores actuais deixen de ser válidos

xoves, 20 de agosto do 2009 Marcus Fernández

O Ministerio de Industria realizou hoxe un comunicado a xeito de aclaración sobre os descodificadores da TDT de pago, concretando que «os descodificadores para a TDT vendidos ata agora continuarán a ser válidos», aínda que só para canles en aberto, de xeito que os únicos cidadáns que deberán preocuparse por adquirir un novo receptor de TDT serán os que queiran contratar algún contido da televisión de pago.
Dende o Ministerio tamén concretan que as especificacións técnicas dos dispositivos para a recepción da TDT de pago acordouse polo sector o pasado 18 de xuño e poden consultarse vía web, así como as condicións técnicas para a recepción da TDT de alta definición (documento que inexplicablemente está en inglés).