Ineo organiza esta semana na Toxa un congreso internacional de empresas TIC
martes, 4 de novembro do 2008
O coñecemento, en si mesmo, require máis coñecemento. E, sobre todo, esixe comunicación, espazos virtuais que imiten os antigos foros de debate e espazos reais inspirados nas comunidades de traballo en liña. Isto que é aplicable a calquera tipo de información, é especialmente consubstancial á tecnolóxica, un eido que se renova de xeito continuo e que nos pon nun reto constante: o da actualización. Con maior ou menor medida, intercambiar coñecemento é a gran finalidade da xuntanza que alberga a Illa da Toxa os días 6 e 7 de novembro e que organiza a asociación galega INEO.
A primeira edición do Congreso Europeo INEO: Tecnoloxías Emerxentes é un evento dirixido a converter a nosa terra en referente do fluxo de datos en materia de tecnoloxías de información, amais de facilitar no posible o deseño de produtos entre empresas para cubrir necesidades de sectores e mercados. Dito doutro xeito: a súa finalidade é servir de guía e plano para o achado de oportunidades. O encontro TIC-corporativo, que segundo informa a entidade organizadora servirá en última instancia para incrementar a nosa produtividade empresarial, contará coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
O evento desenvolverase de xeito que, a maiores das sesións teóricas a cargo de relatores de primeira liña en diferentes materias TIC, incluirá explicacións e demostracións de casos de éxito reais na aplicación de tecnoloxías concretas. Segundo informa INEO, estes serán os temas básicos a tratar: loxística (radiofrecuencia RFID), mobilidade, voz sobre IP, Web 2.0, seguridade, contornas de virtualización e evolución de contidos multimedia.
Amais dos eventos incluídos no programa, a xuntanza dará acollida a unha serie de accións paralelas e suxeitas en maior medida ás achegas persoais de cada participante. Asemade, xa na segunda xornada do congreso, abrirase vía libre para encontros bilaterais entre expertos e empresas participantes, encontros que, a xuízo da organización, “constitúen o alicerce de futuros proxectos de colaboración entre empresas TIC de Galicia e empresas TIC do resto de Europa que queiran cooperar para a posta en marcha de novos produtos”.
