Innovación dedica 648.000 euros a facer que lle perdamos o medo á ciencia

venres, 13 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A ciencia require de coidados, alén dos que lle poidan dedicar os propios científicos. Hai que divulgala para que a sociedade tire máis partido dela e (tamén) para asegurar non só o relevo xeracional de científicos, senón tamén, un incremento de investigadores novos. Con este alicerce é co que a Consellería de Innovación vén de anunciar unha nova achega para o financiamento de actividades de comunicación no eido científico, presenciais e/ou nas redes. O programa, chamado Diverciencia, incluirá axudas por valor de 648.000 euros. A iniciativa, en termos da propia Consellería, ten o seguinte obxectivo: “Fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+I e dos resultados que delas se derivan”.
Dito doutro xeito: do que se trata de apoiar as actividades que se leven cabo en Galiza en materia de poñer á sociedade que vive de costas á ciencia (a maioría) na mesma sintonía da que traballa e se informa arreo sobre ela (unha minoría).
Por certo que a convocatoria abrangue tamén os eventos destas características programados dentro da Semana da Ciencia 2008, que terá como eixe nesta edición a celebración do Ano Internacional do Planeta Terra e celebrarase entre o 10 e o 23 de novembro. Poderán beneficiarse da convocatoria de Diverciencia as universidades galegas, os organismos públicos de investigación, os centros tecnolóxicos, as agrupacións sen ánimo de lucro e calquera outro organismo dependente da Comunidade Autónoma ou da Administración Xeral do Estado que desenvolva actividades de investigación.