Innovación e Industria destinará 167,4 millóns de euros dos seus orzamentos ás TIC

martes, 28 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O conselleiro Fernando Blanco presentou no Parlamento os orzamentos da Consellaría de Innovación e Industria para o exercicio 2009, e que supoñerán un total de 383 millóns de euros, un 3,7% máis ca no ano anterior. Deles, 167,4 millóns irán para a innovación, o coñecemento e as TIC.
Aparte dos fondos para I+D+i, a Consellaría pretende que 2009 supoña un importante salto nas infraestruturas de banda larga en Galicia, para o que destinarán 6 millóns de euros á extensión da infraestrutura de fibra óptica; 6,9 millóns para o programa de fomento do sector TIC; 3 millóns para as asociación e 2,1 millóns para a Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Estes investimentos, xunto con outra actuación, sumarán preto de 25,5 millóns de euros de orzamento para o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).