Innovación financia, con medio millón de euros, a formación TIC nos parques empresariais galegos

mércores, 27 de agosto do 2008 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de anunciar que vai asinar un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) para a posta en marcha dun plan de formación en novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) dirixido a tódalas empresas do país.
A iniciativa, que se enmarca no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e no Plan Avanza, consiste nun plan de formación que chegará aos 97 parques empresariais de Galicia e actuará en tres campos: a factura electrónica, o DNI dixital e o comercio electrónico.
Todas as accións de formación para o desenvolvemento do presente convenio disporán dun módulo no que se recollerán as vantaxes que ofrece para as PEMES o emprego de software libre. Ademais, debido á magnitude do alcance do proxecto (a totalidade dos parques), as accións formativas dividiranse en zonas de actuación, de xeito que todos os parques teñan a posibilidade de acceder a calquera dos cursos que se desenvolvan nas localidades próximas á súa localización xeográfica.
Fernando Blanco apuntou que achegará o 100 por cento do orzamento preciso para o desenvolvemento destas actuacións, un total de 509.362 euros.

PUBLICIDADE