Innovación presenta unha aplicación informática exclusiva para o sector da carpintería metálica

mércores, 11 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de presentar Orzametal, unha nova ferramenta informática pensada para contribuir e mellorar a xestión das empresas galegas que integran o sector da carpintería metálica e de PVC.
Orzametal é unha aplicación informática que simplifica e axiliza a xestión e a elaboración dos orzamentos a clientes por parte do sector, e que se integra de xeito doado como unha peza máis no conxunto de solucións informáticas das empresas, facilitando a xestión en relación aos clientes, recursos humanos, stocks, provedores e pedimentos.
Esta nova aplicación vén dar solución a todas as demandas do sector grazas á súa “versatilidade e adaptabilidade”, características derivadas da súa propia natureza xa que o programa está baseado en tecnoloxías de código aberto (software libre), o que permite ir introducindo novidades e melloras adaptadas ás necesidades de cada empresa.

Imaxe da demo de Orzametal

A ferramenta pódese instalar tanto nun portátil ou ordenador persoal dunha pequena empresa como en servidores de grandes compañías que requiran xestionar coordinadamente centros de traballo, delegacións ou oficinas comerciais xa que é de sinxela instalación e pode funcionar en calquera ordenador que dispoña dun navegador.
Outra das características que definen Orzametal é que permite facer un seguimento doado dos estándares de calidade, facilitando o seguimento do proceso de produción e integrando o pedimento do cliente no resto da cadea. Este control do proceso fai que as empresas poidan cumprir coa normativa de marcado CE desde o momento actual, un ano antes de que sexa obrigatoria para as carpintarías metálicas.
Innovación e Industria destinou 100.000 euros ao desenvolvemento desta ferramenta que as empresas do sector poderán instalar descargándoa de balde dende o portal de Galiciapms ou dende a páxina web www.orzametal.eu. Para poder sacarlle todo o rendemento posible á aplicación, a Consellaría vai poñer en marcha cursos de formación aos que tanto as empresas TIC coma o persoal das carpintarías metálicas poderán inscribirse a través da citada web.

PUBLICIDADE