Innovación reúne tódolos grupos de I+D+i do sistema público galego nun só catálogo

mércores, 2 de xullo do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de crear un catálogo no que se recollen tódolos grupos de investigación do sistema público de I+d+i de Galicia, ao que poden acceder de balde (e mediante previa inscrición) os grupos pertencentes ás universidades públicas galegas, aos organismos e centros públicos de investigación radicados na nosa comunidade e aos centros de investigación da rede sanitaria pública galega.
Este catálogo foi creado para facilitarlle aos seus usuarios a identificación dos grupos de investigación do sistema público de I+d+i e as súas liñas de traballo. Nel, os grupos están clasificados en nove áreas que se recollen da seguinte maneira: Agroindustrial e alimentación; Ciencias da vida; Ciencias e tecnoloxías da Saúde; Recursos naturais, enerxía e medio ambiente; Ciencias Sociais, económicas e xurídicas; Humanidades e creación artística; Física, Química e Matemáticas; Tecnoloxías da produción e da construción; e Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
Asemade, o catálogo enmárcase no obxectivo do Plan Galego de I+D+i de “estruturar e consolidar” as unidades de investigación do sistema público de investigación. Serán inscritos de oficio os grupos de investigación que teñen concedida unha subvención da convocatoria de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do ano 2007, así como aqueles grupos de investigación que non tendo solicitada a inscrición, resulten beneficiarios destas axudas nas súas sucesivas convocatorias
Persoal investigador e persoal de apoio
Para poder formar parte do devandito catálogo, os grupos deberán contar cun mínimo de tres doutores con dedicación completa no organismo de investigación, sendo necesario ademais que cando menos un deles teña vinculación contractual ou estatutaria estable co mesmo, sendo este o que actuará como coordinador. No caso dos grupos pertencentes á rede sanitaria, só será necesario que sexa doutor un dos membros do grupo. A composición do grupo completarase con titulados universitarios que realicen actividades de I+D+i, que poden ser bolseiros ou contratados predoutorais ou postdoutorais, e persoal de apoio, técnico ou administrativo, con dedicación completa ou parcial ás actividades do grupo.
Para a inscrición dun grupo de investigación no catálogo, o investigador responsable deberá formular solicitude ante o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. A cumprimentación da solicitude realizarase utilizando os medios telemáticos da páxina web da Consellaría de Innovación e Industria e achegarase, ademais da documentación do grupo e dos seus integrantes, a descrición das liñas activas de investigación nas que traballa e unha memoria xustificativa de cumprimento dos requisitos.
Aqueles grupos que se inscriban no rexistro quedarán exentos de volver a presentar esa mesma documentación en convocatorias posteriores da Consellaría de Innovación e Industria dirixidas a grupos de investigación.