Instagram está a probar unha nova aplicación de mensaxería

martes, 27 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O éxito de Instagram semella imparable, e iso conséguese en boa media grazas á renovación constante da aplicación que conseguiu eclipsar totalmente a Snapchat, e para continuar nesa liña dende The Verge aseguran que están a traballar nunha nova aplicación de mensaxería chamada Threads, que anima a compartir o estado, a localización e outra información cos amigos máis próximos, ou sexa, que sería unha especie de evolución das funcionalidades de Mellores amigos que actualmente ten Instagram, e actualmente estará a probarse internamente en Facebook.
Instagram xa contaba cunha aplicación independente de mensaxería directa en probas, que deixou de desenvolverse hai un par de anos tras considerar frustrante ter que alternar entre dúas aplicacións, de aí que sorprenda que retomen a idea, aínda que mudando lixeiramente o enfoque e coincidindo cun momento no que Facebook quere unificar os seus servizos de mensaxería instantánea.
A nova ferramenta estaría orientada a compartir de xeito automático e constante información entre amigos, con certas precaucións (por exemplo, non se indicaría a posición xeográfica precisa en tempo real, senón que simplemente indicaríase cando unha persoa está movéndose).
Threads mantería un funcionamento moi semellante á sección de mensaxería instantánea de Instagram, e polo momento non se coñecen os plans de Facebook sobre esta ferramenta de comunicación, que podería quedar como unha simple proba, lanzarse como aplicación independente ou incluso integrarse na aplicación principal de Instagram no futuro.

PUBLICIDADE