Investigadores galegos participan nun proxecto para coñecer o consumo enerxético dos edificios con mapas en 3D

venres, 14 de febreiro do 2014 Redacción

O investigador da Universidade de Vigo, Pedro Arias

O desenvolvemento do mapa enerxético en 3D das cidades españolas levado a cabo ao abeiro do proxecto Ensmart, contou con mans galegas para converterse en realidade. Máis polo miúdo as dos investigadores do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da ETSE de Minas da Universidade de Vigo e da spin-off local Enxeñaría Insitu, que traballaron ombro con ombro para esta iniciativa con expertos da Universidade de Salamanca e coas empresas Marsan e Dinsa (coordinadora dos traballos). A través do devandito proxecto Ensmart, esta cinco entidades xa conseguiron dar forma a un mapa en 3D das zonas urbanas estatais que achegará datos sobre a cualificación enerxética dos edificios para poder mellorar a súa eficiencia.
O obxectivo do proxecto, sinala a UVigo, é “contar con mapas enerxéticos tridimensionais que permitan o coñecemento dos consumos dos edificios, para mellorar a eficiencia tanto en contornas profesionais como domésticas”. Ensmart arrancou en 2012 coas dúas universidades incorporándose en 2013. O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da ETSE de Minas encárgase, xunto cos investigadores de Salamanca, de compilar a información sobre a envolvente térmica de edificacións en diferentes lugares de España para crear o mapa tridimensional.
Un dos integrantes do grupo galego é o investigador Pedro Arias, que informa que o traballo das institucións académicas deu forma sobre todo a un modelado enerxético que precisou do deseño e e materialización de tres vehículos que están a tomar datos da envolvente térmica dos edificios, dende terra e dende o ar. Arias engade que con esta iniciativa o obxectivo é determinar o comportamento enerxéticos dos edificios. “Para iso”, di, “estase a facer un modelado de fachadas de diferentes contornas urbanas de todo o territorio estatal para identificar os puntos de fuga de enerxía, os puntos quentes”.
Un dos vehículos deseñados para facilitar os traballos é o Mobile Mapping System (MMS), que é o que manexa o grupo vigués. Este aparello terrestre é quen de adquirir nubes de puntos, imaxes, posicións xeorreferenciadas, intensidades e termografías das construcións até cadanseu terceiro andar. Neste equipo integráronse sensores LiDAR (Light Detection and Ranging). O vehículo aéreo non tripulado (UAV), co que traballan ambas universidades, é manexado a distancia por un sistema de navegación autónomo, de tipo GPS/IMU, ademais de dispor de sensores con cámaras termográficas e cámaras visibles RGB que permiten obter información ata o último piso dos edificios. Os investigadores da Universidade de Salamanca tamén empregan o Paramotor, un vehículo tripulado que ten maior autonomía de voo.
Dinsa e Enxeñaría Insitu ocuparanse da análise da información recollida, estimando o comportamento das edificacións e realizando as correspondentes recomendacións. Pola súa banda, a empresa valenciana Marsan céntrase no eido da seguridade e a saúde.
O proxecto está cofinanciado polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Unión Europea, a través dos fondos Feder e ao abeiro do programa Unha maneira de facer Europa. Conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, un terzo dos cales son achegados por Dinsa.
Este proxecto ten moito potencial de uso e aproveitamento para investigadores destas e outras materias. Segundo apuntan os responsables da iniciativa, o coñecemento xerados pode ser de grande utilidade para os procesos de auditoría enerxética desenvolvidos por empresas de servizos enerxéticos e polas administracións públicas.