Javier Guerra destaca a xestión do talento na I+D+i

luns, 28 de febreiro do 2011 Redacción

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sinalou hoxe nun foro de debate sobre a I+D+i en Galicia organizado polo Grupo El Correo Gallego que «para consolidar un sistema de investigación solvente cómpre ter unha capacidade financeira forte» sen esquecer que “o mellor aval para a captación de recursos é a excelencia”.
Guerra destacou que a xestión do talento tense convertido no primeiro eixo estratéxico do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C 2011-2015), «orientado a incrementar a proximidade entre o mundo empresarial e o mundo da investigación; así como a presenza galega no Espazo Europeo de Investigación, nunha lóxica de maior mobilidade, de cara á necesaria internacionalización».
O conselleiro sinalou que «o i2C parte dun compromiso real co crecemento da sociedade galega, que se concreta en iniciativas avaliables, dotadas cun orzamento de 192 millóns, neste exercicio, e que sumarán preto de 1.200 ao terminar a súa vixencia», co obxectivo de investimento do 3% do PIB de Galicia en I+D+i no horizonte 2020, incidindo especialmente no aumento do investimento privado.
Neste sentido, o responsable da Consellería de Economía e Industria explicou que «a innovación debe ser asumida por todos os actores do sistema de I+D+i e do tecido económico como o motor do crecemento. O obxectivo é axudar a pór en valor ás empresas galegas polas súas capacidades para a innovación e estimular a creación de novos proxectos empresariais, entre as diversas compañías».
O Plan inclúe liñas de apoio concretas orientadas a estimular o investimento privado na I+D+i; así como a facilitar o acceso das empresas sen experiencia e apoialas na posta en marcha de estratexias eficaces para lograr resultados valorables.
Ademais, esta nova estratexia tamén impulsará dinámicas de innovación colaborativa e da iniciativa emprendedora corporativa, con capacidade de compartir talento e mellorar o acceso aos mercados. Ao mesmo tempo que desenvolverá ferramentas de investimento de capital risco, que faciliten grandes apostas corporativas pola innovación e traballará para incrementar substancialmente o número de proxectos vinculados ao Fondo Tecnolóxico e demais convocatorias europeas .