LAIC amosa os resultados dos seus obradoiros na Coruña

venres, 22 de marzo do 2019 Redacción

O programa municipal Coruña Dixital, impulsado pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, promove este sábado a celebración dunha sesión aberta á veciñanza sobre o traballo que se desenvolveu nos últimos tres meses de actividade ao abeiro do seu Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC). A xornada DEMO, de perfil divulgativo, permitirá dar a coñecer, dun xeito ameno, como foi o proceso de aprendizaxe colaborativa das persoas participantes nos tres eixos que definiron esta edición do LAIC, que foron realidade aumentada, vídeo mapping e narrativas populares contemporáneas.
Ás 11:00 horas, a xornalista María Yáñez compartirá a experiencia do grupo de narrativas populares contemporáneas. De seguido, a enxeñeira informática Aida Vidal falará do proceso realizado en realidade aumentada e, a continuación, o experto en vídeo mapping Pablo Ferrer explicará as ferramentas, posibilidades e dificultades que xurdiron na experimentación con esta tecnoloxía ao longo destes tres meses. As charlas completaranse coa posibilidade de probar algún dos prototipos desenvolvidos nos obradoiros de realidade aumentada e gozar dunha pequena exhibición de vídeo mapping.

PUBLICIDADE