LG sube ao carro da nube
luns, 30 de abril do 2012
LG
Electronics anunciou hoxe que mañá
mesmo vai botar a andar en fase de probas o seu servizo LG Cloud, que busca
levar todos os seus contidos dixitais mediante streaming a distintos dispositivos electrónicos no que supón unha
oferta multipantalla inicialmente incluirá a smartphones con Android, ordenadores persoais e televisores
conectados (sen limitarse á popular liña LG Cinema 3D).
Para poder gozar deste novo servizo será preciso descargar a aplicación de LG
Cloud de Google Play (en móbiles), da tenda de aplicacións LG SmartWorld (en
televisores) ou da súa páxina web (en
ordenadores, nos que, aparte de cunha aplicación cliente, tamén sería posible
acceder ao servizo vía web), de xeito que as fotografías e vídeos captadas co
móbil sincronizaranse de xeito automático na nube para poder velos no ordenador
ou no televisor en calquera momento, podendo incluso editarse os vídeos no PC
para despois poder ver a versión modificada incluso no móbil.
O proceso de conversión de contidos para a súa reprodución a través de streaming realizarase nos servidores de
LG CLoud e non nos dispositivos conectados, o que permite obviar os típicos
problemas de formatos de vídeo e permitindo que o usuario esqueza tal atranco.
LG Cloud tamén é compatible con contidos en 3D, de xeito que os vídeos gravados
en 3D poderán levarse á nube para logo visualizalos nun televisor LG Cinema 3D.
O presidente e director xeral de LG, Havis Kwon, asegurou que “os consumidores de mañá non queren ir a
unha nube para a música, a outra nube para o vídeo, outra localización para as
fotografías e outra nube máis para os seus documentos ofimáticos. Ao final a
nosa solución é facer a vida máis cómoda”.
LG Cloud ofrecerá almacenamento en liña de balde, que poderá completarse cun
servizo de pagamento, con condicións que variarán en cada mercado.

- Ordenadores, móbiles e televisores poderán acceder aos contidos en LG Cloud
