Lanzan Windows Vista e Office 2007 para as empresas españolas
xoves, 30 de novembro do 2006
Pese a que ata o 30 de xaneiro o Windows Vista e o MS Office 2007 non chegarán ás tendas, as versións corporativas destes programas non se farán de rogar tanto, de xeito que o co-presidente da división de servizos e plataformas de Microsoft, Kevin Johnson e a presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa García, presentaron o lanzamento destes produtos para o mercado empresarial español.
Johnson asegurou que mantiveron “contacto continuo e satisfactorio coas autoridades comunitarias” para evitar problemas de competencia na Unión Europea (como os provocados en anteriores versións por mor da presenza de aplicacións coma o Windows Media Player), de xeito que “non só existen varias versións do sistema, senón que o propio sistema está pensado para ser modificado a gusto do cliente”.
Tamén afirmaron que as versións piratas que levan días circulando na Internet só funcionarán con restricións durante 30 días, tralos que se bloquearán.
