Lenovo levará 5 millóns ordenadores de baixo custe ao rural chinés

venres, 6 de marzo do 2009 Raquel Noya

A firma chinesa de informática Lenovo, vén de “poñerse serio” coa causa común de rachar a fenda dixital existente no seu país dunha vez por todas e vén de anunciar a venda de “cinco millóns de ordenadores en zonas rurais nos vindeiros 3 anos”.
Así o vén de facer público a axencia oficial Xinhua, onde tamén se afirma que os prezos destes dispositivos roldarán os 350 euros, unha cifra que os máis de 700 millóns de campesiños chineses poderían afrontar con maior ou menor dificultade.
Os responsables da iniciativa crearon ata 15 modelos de ordenadores diferentes, segundo afirma o vicepresidente da compañía, Xia Li, “especialmente deseñados para o mercado rural”, que poden facer posible que a fenda dixital existente no país asiático entre o campo e a cidade, se reduza ao máximo.
O Ministerio de Industria e Tecnoloxía da Información de China vaticinou que, a pesar da crise, “as empresas tecnolóxicas do país aumentarán a súa produción de ordenadores un 10 por cento este ano”, ata chegar aos 150 millóns de unidades.