LibreTeo lévanos o 28 de abril ao miolo do software libre e da tecnoloxía para compartir

luns, 16 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Teo (A Coruña) vaise converter novamente, da man do Concello e por terceiro ano consecutivo, no centro de actividade da tecnoloxía sen cancelas, do software libre e colaborativo e das potencialidades deste software para empresas, asociacións, entidades públicas e usuarios de a pé. Estamos a falar da xornada LibreTeo, evento a prol do coñecemento, a cultura e a tecnoloxía libres en calquera das súas moitas manifestacións. A cita será o 28 de abril no Auditorio Municipal Constante Liste e xa están abertas as inscricións nas diferentes mesas e obradoiros. O Concello informou os días pasados que xa está dispoñíbel o programa completo (e a posibilidade de inscribirnos) no sitio web do evento, libreteo.gal. Todas as actividades serán de balde.
Respecto do programa, a organización ten programadas varias accións de gran interese. Por exemplo unha mesa redonda sobre liberdade informativa, en palabras do Concello “unha cita que xuntará destacados profesionais dos medios de comunicación” que tentarán achegar respostas a unha serie de preguntas de actualidade: onde está a liberdade informativa, cales son as consecuencias de querer exercela, é real a presión de grupos económicos ou políticos sobre as empresas xornalísticas ou que son os medios independentes entre outras cuestións. A mesa comezará ás 11:00 horas e contará con Anibal Malvar (xornalista do Diario Público); Belén Regueira (xornalista da Radio Galega); Raquel Ejerique (xornalista de eldiario.es); Adirán Estévez (administrador da Wikipedia-Galipedia); Xurxo Salgado (editor de Galicia Confidencial), Cristina Huete (xornalista de El País) e Manel Pardo (xornalista e director de Lindeiros), como moderador.
Programa
Segundo engade o Goberno local, o programa completo do LibreTeo amosa “a diversidade temática coa que se concibiu este evento anual”. Así, está previsto que unha das actividades mostre o potencial actual do software libre para o ensino, a cargo de Félix Díaz e Benxamín Salgado; e outra tratará sobre xogos pedagóxicos para toda a familia, da man de Francisco Lorenzo. Ademais, Miriam Calvo dirixirá un obradoiro sobre elaboración de bonecos a partir de calcetíns e Iñaki Quenerapú ofrecerá outro sobre o deseño de cartelería utilizando a ferramenta Canva. A Asociación Aberteo falará de seguridade na Rede.
Todas as actividades serán no Auditorio Municipal Constante Liste ou na Casa do Concello, na Ramallosa, como sedes principais. A programación comezará ás 10:00 horas e prolongarase ata o serán.
Conchi García, concelleira de Promoción Económica salientou os días pasados que “o LibreTeo mantén a súa aposta por aspectos coma a liberdade informativa e o traballo colaborativo na busca de coñecemento común como temáticas destacadas". A maiores, engadiu, “tamén nos preocupamos por presentar unha oferta para toda a familia, con obradoiros para a infancia e outros para adultos”.

PUBLICIDADE