Lis M. Torrón e Manolo Rodríguez participarán este xoves en Coruña Bloggers
martes, 28 de maio do 2024
Tras un cambio de programación de última hora, a edición nº 32 de Coruña Bloggers confirma que este xoves ás 19:30 daranse cita no Edificio ONCE da Coruña interesados na tecnoloxía e na creación de contidos para escoitar os relatorios de Lis M. Torrón, directora creativa de Reclam, e o xornalista Manolo Rodríguez, substituíndo este último a Mercedes Cernadas, quen tiña previsto participar como directora de comunicación do RC Deportivo, pero vén de cesar no cargo, de aí que tiveran que reformular o evento.
Lis M. Torrón falará na necesidade de desconexión ante o noso día a día hiperconectado nunha charla titulada Offline is the new luxury; mentres que Manolo Rodríguez explicará Como distribuír o noso contido e chegar a máis de 100.000 persoas sen pagar. Completarán as charlas a sección 3x3 na que se presentarán brevemente 3 proxectos, así como unha sesión de networking nun local de hostalaría próximo.
Acudir a esta cita é completamente de balde, pregándose aos interesados que recollan o seu convite en liña e que acheguen como mínimo un quilo de comida para doar á Cociña Económica da Coruña, lembrando que entre as distintas edicións de Coruña Bloggers están a piques de superar os 3.000 quilos de alimentos recollidos.