Lowi estrea 4G para as tarifas cun mínimo de 2 GB de datos

luns, 11 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O Operador Móbil Virtual (OMV) de Vodafone, Lowi, nacido en boa medida para captar os usuarios que fuxían de Pepephone cando a compañía mudou a Movistar, está a comezar o verán con moita enerxía e, aparte de dobrar o volume de datos contratados durante 3 meses aos novos clientes, anuncian as súas novas tarifas 4G, xa que a partires de agora, os clientes que teñan unha tarifa cun mínimo de 2 GB de datos poderán gozar de conectividade 4G, algo aínda pouco frecuente nos OMV.
Para gozar da nova velocidade chegará con ter un móbil con 4G, unha tarifa Lowi con 2 GB ou máis e reiniciar o terminal para que se axuste á nova configuración e que así poida comezar a gozar das bondades da nova banda larga ultrarrápida coa mellor cobertura estatal.
Os clientes que teñan contratada unha tarifa con menos de 2 GB poden actualizar a súa tarifa dende a App Mi Lowi, aínda que o cambio non será efectivo ata o día 1 do mes seguinte.
O 4G de Lowi o operador promete velocidades de entre 50 e 150 Mbps, aínda que a velocidade de conexión depende de moitos factores como a cobertura da zona, se estamos no interior dun edificio, a potencia do procesador do noso smartphone...
Deste xeito, para gozar de 4G con Lowi temos tarifas que parten de 11 euros/mes con 2 GB de datos (con 2 GB adicionais durante 3 meses) e 120 minutos en chamadas, o que pode resultar bastante atractivo para os que queren gozar dunha conexións á Rede de calidade durante o verán. Cómpre salientar que por 26 euros/mes teríase unha tarifa con 5 GB de datos (con 5 adicionais en promoción) de xeito que podería resultar máis atractivo que a tarifa de Simyo con 10 GB de datos por 33 euros.