Ludus Party.net abre as súas portas este venres 1 de decembro

xoves, 30 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A xuntanza redeira Ludus Party.net servirá para poñer en liña (quen non á liña) á mocidade galega (e non galega) que acuda ó recinto de Feiras e Exposicións de Lugo entre este venres 1 e o domingo 3 de decembro, pero tamén como pasarela galega para a presentación en exclusiva de importantes novidades do mercado tecnolóxico e do lecer, como por exemplo as consolas Nintendo Wii e Play Station 3 (de Sony).
A primeira delas, que vén de ser presentada en Madrid (aínda non se puxo á venda en España oficialmente) e que inclúe novidades como a posibilidade de interactuar directamente con ela, estará a disposición dos participantes e dos visitantes deste encontro internauta, que está organizado polo Concello de Lugo dentro da súa iniciativa Lugo Dixital.
Tamén estará accesible no recinto feiral lucense a revolucionaria Play Station 3, que non se porá no mercado galego ata abril de 2007 (só se comercializa polo de agora en Estados Unidos e Xapón).

Unha xuntanza para 500 mozos e mozas

De tódalas provincias galegas, se cadra era Lugo a que menos “cobertura” tiña no que se refire a xuntanzas especialmente deseñadas para mozos e mozas en liña. Cubrir ese baleiro é probablemente un dos grandes obxectivos de Ludus Party.net, un encontro tecnolóxico que vai poñer a 500 internautas novos procedentes de todo o Estado baixo un mesmo teito e con acceso total ás redes de alta velocidade durante 50 horas ininterrompidas. Ludus Party.net, que está organizada polo Concello de Lugo (que xa cobre a día de hoxe, venres 24, máis da metade das prazas ofertadas), celebrarase entre o 1 e o 3 de decembro. A iniciativa intégrase no proxecto Lugo Dixital, e completarase con actividades de formación e lecer para o público en xeral (haberá pistas de xeo, mostras de robots, cursos e obradoiros de internet, etc): contará polo tanto con dúas partes ben diferenciadas, unha para os internautas previamente inscritos e outra para toda a cidadanía (na extranet). Ludus Party.net contará para esta edición con 100.000 euros de orzamento e co apoio de ata dez empresas colaboradoras. O custo da inscrición é de 15 euros, e esta poderá formalizarse de xeito sinxelo na propia web da xuntanza.