Lugo achega 14 novos cursos no seu Edificio de Novas Tecnoloxías

luns, 9 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Quen queira formación tecnolóxica en Lugo, vaina ter. E sen necesidade de ir lonxe (a cidadanía ten no centro da cidade, en pleno casco vello, un centro formativo e divulgativo especialmente remodelado para o devandito cometido: o Edificio de Novas Tecnoloxías, de cuxa apertura e de cuxos primeiros obradoiros falamos polo miúdo en Código Cero). Pois ben, respecto da continuidade desta liña de difusión de contidos e coñecemento, a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este 6 de outubro os cursos do novo programa formativo Tecnoloxíza-T!, que se impartirá no dito centro da man do Concello. Trátase de 210 prazas totalmente de balde artelladas en 14 cursos dirixidos a públicos de todas as idades. Desenvolveranse dende o 21 de outubro ao 22 de decembro.
Na cita cos medios, Rosana Rielo fixo saber que “estes cursos permiten coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. Ademais, animou a toda a cidadanía “para que participe nestes cursos, que en edicións anteriores tiveron moita demanda”.
Entre as distintas alternativas de accións formativas que ofrece o Concello atópanse facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, utilización do smartphone, trámites bancarios en liña, mercadotecnia dixital, comunicación dixital, posicionamento web, emprego do Whatsapp, creación de aplicacións móbiles, Internet segura, uso da tableta, introdución á programación e retoques fotográficos.
Rielo tamén lembrou que para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula ata as 20:00 horas do día de peche da inscrición, anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar en www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do teléfono de atención cidadá 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para pode recibir o diploma. O programa e as bases de participación nestes cursos están dispoñíbeis na web municipal www.lugo.gal.

PUBLICIDADE