Lugo acolle a nova edición galega da First Lego League

martes, 18 de novembro do 2008 Raquel Noya

A edición deste ano da competición internacional de robótica para escolares First Lego League tocará de cheo a Galicia, máis concretamente á cidade de Lugo, que ao longo do día 23 de novembro dará acollida a un total de 16 equipos formados por escolares de entre 10 e 16 anos chegados de todo o país cos seus deseños de robots.
De aquí sairán tres equipos que acudirán á Gran Final España en Barcelona, o vindeiro 1 de febreiro de 2008, onde se enfrontarán aos finalistas dos outros 6 torneos clasificatorios que terán lugar en diferentes cidades españolas.
Nesta edición da First Lego League, que se celebra no noso país dende o ano 1988, o evento versará sobre a xestión e conservación do clima, polo que os estudantes deberán fabricar un robot que lles axuda a “salvar o medio ambiente”.
Nesta competición os escolares traballan co seu “adestrador” para construír e programar un robot que resolva o desafío anual mediante retos da vida real. Tamén deben investigar en Internet, conversar con científicos, visitar bibliotecas e librerías e desenvolver unha presentación do seu proxecto.
Grazas a esta iniciativa, sinalan os organizadores, os rapaces desenvolven habilidades creativas, pensamento analítico, comunicación e traballo en equipo, ademais de adquirir coñecementos técnicos e científicos.
Os participantes únense en equipos de entre 4 e 10 membros e contan co apoio dun titor adulto para preparar, durante unhas oito semanas, a súa participación no torneo. Nesta ocasión, o desafío é Conexións Climáticas, para o cal os nenos e nenas participantes deberán investigar sobre o modo de xestionar e conservar o medio ambiente, e propoñer solucións globais para a súa recuperación.
Os gañadores do torneo en España poderán escoller entre dúas opcións: competir no Open European Championship contra os mellores equipos europeos ou asistir como convidados en abril ao World Festival en Atlanta (EEUU), onde se reúnen e intercambian experiencias tódolos participantes das diferentes competicións de robótica que First ampara a nivel mundial.
Este ano están inscritos máis de 110.000 nenos de 43 países.

PUBLICIDADE