Lugo celebra unha feira de videoxogos esta fin de semana

venres, 10 de setembro do 2010 Marcus Fernández

O Pavillón do IES Politécnico de Lugo (sito na rúa Armando Durán, 3) acollerá dende hoxe e ata o domingo en horario de 10:00 a 22:00 horas a I Feira de Videoxogos Cidade de Lugo organizada por Mundobit e ASUPIVA (Asociación de Usuarios de PC, Internet, Videoxogos e Arcade) e dirixida aos lugueses que queiran coñecer as últimas novidades do mundo dos videoxogos e gozar dos seus títulos favoritos para PS3, Wii, Xbox 360, Nintendo DS e PSP nun evento de balde no que terá lugar un campionato solidario de videoxogos (coma Mario Kart, Pro Evolution Soccer, Guitar Hero e ModNation Racers) no que haberá que pagar 3 euros para incribirse, indo a parar a recadación das inscricións ás unidades locais de pediatría.
Os asistente tamén poderán achegar ao recinto material electrónico (televisores, móbiles, ordenadores…) para a súa reciclaxe, pois a Fundación Ecolec achegará un punto limpo ao evento no que sortearán unha consola Xbox 360 entre os cidadáns que participen desta iniciativa ecolóxica.
Esta feira patrocinada pola Fundación Ecolec conta coa colaboración de Microsoft, Sony, Nintendo, Activision, Konami, EA, Sunny Delight, Viajes Halcón e Koch Media e pretende tanto divertir aos asistentes coma conciencialos sobre a reutilización de dispositivos electrónicos e a súa reciclaxe, así coma contribuír a facer máis doada de soportar a estancia en hospitais aos cativos grazas aos videoxogos.