Mad Catz promete máis mandos arcade para de Street Fighter IV para finais de abril

mércores, 18 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A chegada ao mercado do xogo Street Fighter IV levou a moitos usuarios de consolas de videoxogos a buscar nas tendas mandos arcade que permitisen xogar comodamente a este tipo de xogo para o que os gamepads das consolas de videoxogos actuais non están optimizados, o que supón toda unha odisea, pois os modelos comercializados no pasado por Hori co gallo do lanzamento de xogos coma Virtua Fighter 5 ou Soul Calibur IV levan meses esgotados,e só quedaba agardar polos mandos que Mad Catz ía lanzar coa imaxe do novo xogo de Capcom, pero que chegaron nun número de unidades claramente deficiente (fálase de 8.000 unidades para todo o mundo) e mesmo con fallos de fabricación, e na meirande parte das tendas occidentais estes dispositivos non chegaron a colocarse nos estantes das tendas (as unidades recibidas non cubriron as encargas realizadas).
Resulta rechamante que ante unha demanda tan forte dun produto o mercado non sexa capaz de reaccionar, aínda que Mad Catz vén de anunciar que agardan solucionar estes problemas de fabricación e distribución de aquí a finais de abril, data na que estiman que atenderán os pedidos realizados.
Nestes tempos de crise, sen dúbida moitos fabricantes estarían encantados de ter este tipo de problemas: non ser quen de fabricar o suficiente número de unidades para atender os encargos realizados a nivel mundial.
En España, aínda que os mandos para PlayStation 3 poderían estar cedo nas tendas, estímase que ata o mes de maio non sexa doado atopar mandos para a Xbox 360, pese a que noutros países europeos prognostican que a normalidade chegará en abril (o que tamén facilitará a súa adquisición dende España).