Máis de 160 persoas participaron na I Noite da Enxeñaría en Informática

luns, 16 de novembro do 2009 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) reuniu un total de 160 persoas no Hostal dos Reis Católicos o pasado venres, para celebrar a Primeira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Colexiados, autoridades da Administración autonómica, municipal e do eido universitario, así como empresarios déronse cita nun acto «lúdico pero tamén de reafirmación da nosa profesión», segundo destacou o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo, quen avogou por un maior recoñecemento da Enxeñaría en Informática.
O acto comezou cun cóctel de benvida, tras o que se celebrou unha cea de gala, amenizada polo showman Paco Lodeiro. Entre os asistentes atopábanse o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que foi un dos galardoados na gala, xunto aos ex presidentes da asociación, Javier Rodeiro, Gabriel Ferreiro e Jesús Rodríguez. Tamén estiveron presentes o reitor da USC, Senén Varro Ameneiro; o seu homólogo da Coruña, José María Barja Pérez, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
Recibiron o recoñecemento de Colexiados de Honra Jesús Vázquez Abad, Gabriel Ferreiro Pena, Jesús Rodríguez Castro e Javier Rodeiro Iglesias , mentres que Javier García Tobío recibiu o premio á Traxectoria Profesional.