MasOrange e R cubrirán todos os fogares de Galicia rural con 5G nos dous vindeiros anos

mércores, 12 de xuño do 2024 S. P.

O conselleiro delegado de MasOrange, Meinrad Spenger; a directora xeral de Regulación, Asuntos Públicos e Sostibilidade da compañía, Luz Usamentiaga; e Alfredo Ramos, director de R, mantiveron este mércores 12 de xuño un encontro institucional co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no que ratificaron o compromiso de MasOrange coa comunidade galega e a súa aposta por lle dar pulo ao desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico do territorio. Segundo sinalaron, este compromiso concrétase nos máis de 2.300 millóns de euros de investimento acumulado ao longo da traxectoria de Orange, MasMovil e a súa filial R en Galicia.
Tamén indicaron que “a dixitalización de fogares e empresas e o investimento en Galicia seguen a ser os principais alicerces da compañía galega R e do grupo MasOrange para situar a comunidade ao nivel das rexións máis avanzadas do mundo”. Con este obxectivo, MasOrange-R investirá máis de 200 millóns de euros nos 3 vindeiros anos en Galicia para seguir impulsando o seu desenvolvemento económico e tecnolóxico.
4.000 traballadores en Galicia
Engadiron que a día de hoxe o grupo emprega de forma directa e indirecta máis de 4.000 persoas na comunidade galega e conta con preto de 180 puntos de venda na nosa xeografía. Pola súa banda, R dá emprego na actualidade a 1.500 persoas, entre postos de traballo directos e indirectos, e segue apostando polos puntos de venda propios e de distribuidores no territorio que, en total alcanzan xa, actualmente, a cifra de 130 (50 tendas exclusivas de R e 80 puntos de venda autorizados).
Preto de 1,9 millóns de servizos do Grupo MasOrange na comunidade galega
Os responsábeis de MasOrange lembraron na xuntanza deste 12 de xuño que as marcas do grupo en Galicia son a primeira opción para os clientes galegos e contan no territorio con preto de 1,9 millóns de liñas: “O grupo é a referencia canto a experiencia de usuario e conta cos clientes máis satisfeitos do mercado galego”, sinalaron, engadindo que “R segue a rexistrar un bo desempeño comercial e experimentou un incremento de clientes de case que o 19 % con respecto ao exercicio anterior”. Este avance operativo, tanto entre particulares como en empresas, tivo tamén o seu reflexo nos ingresos, que medran interanualmente un 4,3 %, explicaron, apuntando que no primeiro trimestre de 2024, a operadora galega acadou os mellores índices de satisfacción de cliente dos últimos cinco anos (8 sobre 10 fronte ao anterior 7,1 sobre 10), diminuíu nun 28 % o número de incidencias e mellorou tamén a recomendación de R por usuarios dos seus servizos de telecomunicacións (índice de +20).
Por outra banda, fixeron saber que na actualidade, R (filial de MasOrange) chega con fibra óptica FTTH a máis de 1,6 millóns de fogares e negocios no total dos 314 municipios galegos, o que supón ofrecer cobertura de fibra a case que o 100 % da poboación. Esta rede está baseada no estándar XGS-PON, preparada para o futuro, e permite simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming etc. É un sistema que habilita eses accesos ultrarrápidos con catro veces máis capacidade de descarga do que a tecnoloxía actual e ata oito veces máis capacidade de subida.
Ademais, no primeiro trimestre de 2024 a pegada de fibra óptica de R seguiu aumentando grazas ao acordo co provedor autóctono de fibra Rede Aberta, que permitirá cubrir aproximadamente 70.000 novos inmóbeis conectándoos á infraestrutura da operadora galega, e levar a alta velocidade coa fibra máis rápida a recunchos de Galicia en núcleos rurais duns 110 municipios do territorio.
Por outra banda, o 90 % da poboación galega dispón de cobertura 5G de R e de MasOrange e está preparada para facer uso dela.
O grupo adxudicouse, ademais, máis de 52 millóns de euros do plan ÚNICO 5G Rural, destinado a dotar de 5G a contorna rural galega e reducir de novo a fenda dixital na comunidade. MasOrange, de feito, adxudicouse o 98 % do orzamento deste plan para Galicia, o que lle vai permitir liderar a 5G en Galicia no ámbito rural.
Ademais, R conta co servizo Internet rural dende 2022, co que se converte así “na primeira operadora que dota a clientes sen fibra en Galicia dunha solución 5G converxente fixo e móbil”, explicaron dende o grupo, engadindo que “na actualidade son 224 os concellos galegos que dispoñen da solución internet rural con 5G de R (tarifa plana con mambo Axiña)”. Grazas a isto, “aldeas do rural gozarán dos servizos de internet de R do mesmo xeito que as capitais de provincia do territorio, o que significa un paso máis na redución da fenda dixital entre ambas as contornas”.
Ao mesmo tempo, no marco do Plan Nacional 5G de Red.es, MasOrange está a desenvolver en Galicia 14 pilotos 5G ou casos de uso de novos produtos e servizos en sectores estratéxicos (Industria, Turismo, Sanidade, Educación e Agricultura). O grupo é pioneiro, tamén, na despregadura de fibra óptica en centros históricos como o de Santiago de Compostela.
Canto ao mercado empresarial e administracións públicas, R ofrece ás empresas de Galicia un catálogo de solucións tecnolóxicas extenso e adaptado ás necesidades de cada unha delas en eidos tan importantes como a automatización de procesos con IA, Big Data, solucións na nube ou ciberseguridade (produto Scudo especificamente pensado para pemes). Ademais, conta cun centro de datos (datacenter) avanzado e próximo que “garante a máxima calidade e seguridade da información e na xestión e almacenamento dos datos das compañías que confían en R”, explicaron.
Entre as súas referencias comerciais, R renovou recentemente o contrato da rede corporativa de voz e datos de Abanca, á que acompaña no seu crecemento en toda a Península, e na súa carteira de clientes de empresa están tamén outras compañías, como JEALSA, Gadisa, Inveravante, Pérez Rumbao e Plexus, os catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos, Reganosa e medios de comunicación como La Voz de Galicia, El Progreso, Diario de Pontevedra, La Región e Atlántico Diario. Ademais, é provedora da Xunta de Galicia e de numerosos concellos galegos.

PUBLICIDADE