Medio Ambiente contribúe á conservación da natureza cunha ferramenta en liña
martes, 3 de febreiro do 2009
Cando se trata de
mellorar o espazo natural no que vivimos todo o que se faga é pouco e
insuficiente. Porén, como se soe dicir nestes casos, “nunca é tarde…” polo que poñer as novas tecnoloxías ao servizo da
conservación da natureza semella que sempre é unha boa idea e se cadra un dos
principios da solución definitiva (aparte da boa vontade de tódolos habitantes
da Terra) para pórlle freo ao quecemento da Terra ou á destrución da capa de
ozono.
Agora, a fin de
mellorar en todo o posible as tarefas de conservación e coidado da natureza que
se están a levar a cabo no noso país, a Consellaría de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible vén
de por en marcha o Sistema de Información Territorial e de Biodiversidade de
Galicia (SITEB), que ten como principal obxectivo “mellorar o proceso de intercomunicación entre o cidadán e a devandita
entidade pública”.
O director xeral
de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, foi o encargado de presentar a
ferramenta, que supón a integración da información relativa á riqueza biolóxica
e xeolóxica do territorio mediante a tecnoloxía SIX (Sistemas de Información
Xeográfica), permitindo un acceso doado á información ambiental de Galicia.
O SITEB é unha
ferramenta integradora da información do medio natural galego, ao que se accede
mediante un portal web, que permite a consulta de bases de datos, documentación
e información ambiental de interese, así como un potente visor cartográfico, co
que analizar e valorar o territorio en conxunto, contribuíndo a unha mellor
xestión e divulgación dos recursos naturais.
O Sistema de
Información Territorial de Galicia pretende dotar aos propios técnicos da
administración, consultores e investigadores de Galicia, dunha aplicación para
a análise, valoración, planificación e ordenación do territorio dende o punto
de vista da conservación da natureza, subministrando toda a información posible
acerca do estado de conservación da biodiversidade e xeodiversidade.
A
información ofrécese, segundo os seus máximos responsables, “dun xeito intelixible”, e divídese en
distintos apartados segundo a área a tratar:
Territorio: descrición
da información relacionada coa xeografía galega integrada no apartado de
cartografía, incluíndo os mapas de unidades territoriais e administrativas,
principais núcleos de poboación e vías, límites de espazos protexidos, modelo
dixital do terreo e cartografía ambiental básica.
Banco de Datos:
trátase do núcleo do sistema, dende onde poder acceder á consulta dos elementos
do medio natural galego e á descrición da información cartográfica do visor
cartográfico. Os diferentes bloques nos que se divide o banco de datos do SITEB
son: xeodiversidade, especies, ecosistemas e espazos.
Cartografía: está
composto polo visor cartográfico, que integra tódalas capas xeográficas do
SITEB e as achega graficamente, posibilitando en todo momento a consulta dos
diferentes elementos que integran as capas.
Documentación:
aglutina textos de interese en relación ao medio natural galego, incluíndo
informes técnicos, diversas publicacións, textos legais e formularios.
Xunto a esta
información, engádese outra de interese que permite dispoñer dos datos sobre
especies do territorio galego, árbores senlleiras, especies invasoras na Rede
Galega de Espazos Protexidos e, en materia de biodiversidade, os informes
técnicos e estudos da Consellería de Medio Ambiente e os puntos de interese
xeolóxico, xeomorfolóxico, paleoecolóxico, covas, cavidades e fervenzas de
Galicia.
O Banco de Datos
Ambiental completarase coa información e cartografía dos límites e unidades de
xestión establecidas nos espazos protexidos de Galicia, que se vincularán cos
instrumentos de ordenación e xestión existentes para os mesmos.
Os contidos desta
ferramenta irán actualizándose cos traballos que se vaian elaborando en materia
de biodiversidade e espazos naturais. Nesta liña, un dos obxectivos a
desenvolver pola Dirección Xeral será o fomento de programas de seguimento das
poboacións das especies, non só ameazadas, se non que tamén das comúns que
poidan servir de indicadoras do estado de conservación dos ecosistemas.
