Meet IA achega en Vigo unha visión integral e práctica da IA na empersa

mércores, 20 de novembro do 2024 Redacción

Con vocación de futuro e pensando no futuro son as premisas do encontro Meet IA, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia en colaboración directa con R e Abanca, para centrármonos nun mañá marcado pola IA a moitos niveis das nosas vidas persoais e profesionais. A primeira edición do evento celebrarase este xoves 21, en formato híbrido, virtual e presencial na sede do Círculo.
Meet IA: Intelixencia Artificial, o futuro proponse ofrecer unha visión integral e práctica do impacto da intelixencia artificial na contorna das empresas na actualidade. Ao longo da xornada intervirán expertos en tecnoloxía e líderes empresariais de diversos sectores, que exporán casos prácticos sobre como están implantando a IA nas súas compañías.

No universo IA cos pés na terra

A primeira parte da xornada centrarase en ofrecer unha visión global das disciplinas e utilidades da IA a través dun diálogo aberto cun experto, sempre en clave didáctica, sobre temas como a linguaxe natural, a analítica preditiva, IA xenerativa ou RPA (automatización robótica de procesos).
Deseguido tentarase demostrar como se aplica a IA en diversos sectores nunha mesa redonda con profesionais de industrias que porán en común os seus casos de uso e abriranse ao público para unha sesión de preguntas e respostas. Por exemplo, a automatización da liña de produción para aumentar a eficiencia e reducir os erros humanos; IA en loxística para optimizar rutas e horarios, mellorando a eficiencia do transporte de mercadorías e reducindo custos operativos; sistemas de visión informatizada para monitorizar e manter infraestruturas esenciais como pontes e estradas. E outras moitas aplicacións da IA en diagnóstico médico (procesamento de imaxes e datos de pacientes detectando enfermidades como o cancro ou cardíacas precozmente), en finanzas (detección de fraude e xestión de riscos en transaccións bancarias), en deseño de produtos de márketing personalizados… e igualmente en sectores como a enerxía, a educación ou o entretemento.
Roque Varela (Merchan Union), Pablo Rodríguez Cordovés (Hermasa) ou Alberto Díaz Freire, responsable de IA e DATA de R e de MasOrange, exporán as súas experiencias para debuxar o universo IA cos pés na terra, con casos de uso que fundamentarán as súas reflexións.
Díaz Freire falará, entre outros temas, da importancia que atesoura a Intelixencia Artificial para optimizar o traballo de calquera empresa, dende as pemes máis modestas ás grandes corporacións. Tamén explicará as aplicacións da IA que R está a empregar para o seu propio funcionamento interno como empresa de telecomunicacións avanzada e para ofrecer, en paralelo, servizos de valor, por exemplo, en atención ao cliente a través de chatbots baseados en IA xerativa.

Tendencias, mitos e realidades sobre a IA

Óscar González (Centro Tecnolóxico ITG), Daniel Dacuña (Carina IA) e José Luis Prado (Televés Corporation) debaterán de que maneira as tecnoloxías emerxentes baseadas na IA poderían transformar a nosa sociedade e economía nos vindeiros anos.
Eles son os pioneiros e futuristas da IA que estabelecerán un debate sobre desafíos de vangarda posiblemente tocando temas como os xemelgos dixitais, a tokenización (transformación de activos ou datos nunha unidade dixital ou token, que pode ser almacenada, transferida e xestionada de xeito seguro e eficiente) ou as aplicacións de IA no metaverso. Materias enmarcadas na vindeira xeración de tecnoloxías de IA e cun potencial disruptivo importante.
Pola súa banda, Raquel Maquieira (Embermind Technologies) e Miguel Ouro Mosquera (NTT Data) desmontarán mitos e tratarán as capacidades e limitacións da IA. Cunha visión ética e experiencia no desenvolvemento de IA e políticas tecnolóxicas, proporán o desarmamento de concepcións erróneas ofrecendo unha visión máis equilibrada e fundamentada destas tecnoloxías de última xeración. Debatendo, por exemplo, sobre o impacto da IA na privacidade e dos nesgos algorítmicos como perpetuadores ou mitigadores de desigualdades sociais. Sobre a capacidade da IA para mellorar a ciberseguridade, coas súas fortalezas e vulnerabilidades máis visibles. Ou sobre o verdadeiro impacto da IA no emprego, abordando preocupacións comúns acerca da automatización e a perda de traballos.
En Meet IA: Intelixencia Artificial, o futuro axilizarase o desenvolvemento do evento intercalando as intervencións dos expertos con vídeos curtos e dinámicos producidos por IA e relacionados cos temas obxecto de debate.