Melide acolle o congreso esLibre 2026 sobre tecnoloxía libre

xoves, 16 de abril do 2026 Redacción

Melide convértese esta fin de semana no epicentro estatal da cultura e tecnoloxía libre coa celebración do congreso esLibre 2026. O encontro, que terá lugar os días 17 e 18 de abril, reunirá participantes de distintos puntos do Estado e tamén do ámbito internacional arredor do coñecemento compartido, a tecnoloxía aberta e a construción colectiva de comunidades.
A cita está organizada pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), coa coorganización do Grupo de Amigos de GNU/Linux de Pontevedra (GALPon), e consolídase como un espazo interxeracional e interdisciplinar no que conflúen perfís técnicos, divulgadores e activistas vinculados ao ecosistema do software libre.
O programa inclúe máis de 40 charlas e nove obradoiros prácticos, distribuídos en varias salas temáticas xestionadas por diferentes comunidades. A estrutura combina relatorios, talleres e mesas de debate con espazos de encontro que buscan favorecer o intercambio directo entre proxectos e asistentes. A maiores, habilitaranse áreas expositivas e salas organizadas por colectivos que permitirán coñecer iniciativas de primeira man.
Os contidos abranguen desde cuestións técnicas, como o desenvolvemento, a administración de sistemas ou o uso de ferramentas abertas, ata reflexións de carácter transversal sobre soberanía tecnolóxica, liberdade na internet ou o papel das comunidades na produción de coñecemento.
Máis aló da vertente formativa, o congreso mantén o foco na creación de redes e na colaboración. Así, o programa complétase con obradoiros participativos, demostracións de proxectos e actividades de convivencia destinadas a reforzar os vínculos entre asistentes. Entre as novidades destaca a incorporación da XIII Xornada de Usuarios de R en Galicia, centrada na difusión desta linguaxe tanto no ámbito profesional como no académico.
A organización prevé a participación presencial de máis de 180 persoas inscritas, ás que se suma a posibilidade de seguir parte das actividades en liña, nun formato híbrido que amplía o acceso ao evento. Ademais, preto de 30 voluntarios colaboran na súa posta en marcha, xunto con diversas entidades do ámbito tecnolóxico e social.
A información actualizada sobre o programa e as actividades está dispoñible na web oficial do encontro.