Meteogalicia estrea novo radar meteorolóxico e páxina web máis accesible
martes, 3 de febreiro do 2009
A Consellaría de
Medio Ambiente está que non para estes días: logo de presentar unha nova
ferramenta en liña para conservar a nosa riqueza ambiental, vén
agora de presentar un radar meteorolóxico que incrementará ata nun 200 por
cento a capacidade de predición (algo que, sobre todo nos días pasados nos
tería evitado moitos desgustos a todas e tódolos galegos) e que estará situado
no concello de Cuntis.
O director de Meteogalicia, Vicente Pérez Muñuzuri,
explicou perante os medios de comunicación presentes na rolda de prensa, que
esta ferramenta “permitirá, por exemplo,
determinar o lugar, a cantidade e o tipo
de precipitacións que caerán” ou “a
cantidade e tipo de neve que caerá nunha localidade determinada”.
Este sistema de
prevención de riscos completarase, asemade, cunha rede de raios que conta xa
con 4 dispositivos, un en cada provincia. Deste xeito, os meteorólogos poderán
saber onde caen os raios e por onde se vai mover unha treboada, entre outras
cousas.
Asemade,
Meteogalicia estreou recentemente dependencias en Santiago de Compostela e ten
previsto mellorar a páxina web para facela máis accesible (con varias
posibilidades de idioma) e personalizable para salientar os contidos que lle
interesen a cada cidadán.
Nos vindeiros
días, os responsables da aplicación veñen de anunciar que os internautas que o
desexen, “poderán facer, na páxina,
suxestións para mellorar os contidos que ofrece a entidade pública por
Internet” e deixar os comentarios que vexan oportunos para mellorar a
aplicación.
Entre as melloras
para o servizo meteorolóxico que se acadan co novo radar de Cuntis, destacan as
seguintes:
•
Mellora
na estimación cuantitativa das intensidades de choiva e neve.
•
Discriminación
do tipo de precipitación: choiva, neve e sarabia.
•
Identificación,
dentro dos sistemas frontais, do tipo de meteoro e o seu tamaño.
•
Identificación
de sistemas de precipitación electricamente activos.
•
Axuda
no diagnóstico, é dicir, en proporcionar unha descrición cuantitativa das
condicións actuais da atmosfera.
•
Nowcasting, predición de forma precisa de eventos
meteorolóxicos no prazo de 2-3 horas. Neste prazo o radar proporciona unha
información máis precisa que a achegada polos modelos numéricos.
•
Achega
de datos que empregan na súa asimilación os modelos numéricos. As variables
máis importantes empregadas son: o campo de ventos horizontais e o contido en
auga (incluíndo a fase).
•
Obtención
dunha climatoloxía dos fenómenos observados polo radar, o que axuda na
planificación e toma de decisións.
•
Permite
outros usos distintos ao meteorolóxico, como é o estudo da migración de aves e
o desprazamento de insectos, os cales poden causar dano ás colleitas,
investigación…
