Microsoft estrea este martes un completo servizo musical baseado na nube

luns, 15 de outubro do 2012 Marcus Fernández

De cara ao lanzamento oficial de Windows 8 o vindeiro día 26, este martes Microsoft estrea Xbox Music, un servizo musical integral que combinará os mellores aspectos da radio en streaming de balde, os servizos de subscrición musical e a compra de música, todo nun paquete que estrearase na Xbox 360 para saltar despois ao PC.
Con Xbox Music preténdese unificar os moitos servizos de música que hai na actualidade, de xeito que a mesma plataforma permite reproducir música de distintos xeitos e dende diversos dispositivos, no que en palabras de Yusuf Mehdi, vice presidente da división de Lecer Interactivo de Microsoft, será “un servizo simple e doado de usar sobre o que engadiremos valor facéndoo fermoso, e que funciona en todos os dispositivos”. O catálogo musical desta plataforma será un dos máis amplos do mercado, con 30 millóns de cancións, polo que será ideal tanto para atopar os nosos temas favoritos como para descubrir nova música.
Xbox Music permitirá escoitar cancións soltas ou discos completos nun tablet ou ordenador con Windows 8, crear mesturas musicais e listaxes de reprodución, crear emisoras de radio por Internet baseadas en intérpretes, escoitar música elixida mediante patróns (Smart DJ) permitindo que sempre sexa posible saltar un tema do que non gustemos e mercar os temas que queiramos posuír. Permitirá escoitar música a través da Internet de balde con publicidade en ordenadores e tablets, contando tamén coa opción de contratar unha servizo de pagamento por 9,99 dólares/mes que permite tomar a música da nube e gozar da mesma en móbiles con Windows Phone 8 (e máis adiante tamén a través de aplicacións para Android e iOS) e dende a Xbox 360. Podiamos considerar que sería como a fusión entre Spotify e iTunes, pero dispoñible dende máis dispositivos, no que pode ser só o principio do que Microsoft prepara nesta liña (que podería chegar tamén a películas e series de televisión).


Xbox Music presentado en vídeo

PUBLICIDADE