Microsoft estrea o seu sistema de creación de xogos para Xbox 360

martes, 12 de decembro do 2006 Marcus Fernández

O lanzador de xogos XNA dende a Xbox 360

Despois de varios meses en probas Microsoft lanzou a versión oficial do XNA Games Studio Express, que é un sistema de programación de videoxogos que permite dun xeito doado a elaboración de xogos para Windows XP e para Xbox 360.
A versión para PC é de balde, pero os usuarios que desexen xogar coas súas creacións na súa Xbox 360 deberán subscribirse ó XNA Creators Club a través do Xbox Live Marketplace (que permite períodos de pagamento de 4 meses ou dun ano). Os subscritores poderán acceder ós seus xogos e ós que creen outros usuarios, de xeito que terían o que algún deu en chamar “o YouTube dos xogos”.
O XNA Creators Club é un servizo sen precedentes, que pode incentivar a creatividade, así como ampliar a oferta de xogos para a consola de videoxogos de Microsoft, e para dar un certo pulo ó seu uso existe o concurso Dream-Build-Play que premiará ó gañador coa publicación do seu xogo no Xbox Live Archade (no que sería o primeiro paquete que combinaría xogos reto con xogos orixinais).

Imaxe do Torque Game Builder de GarageGames

Coincidindo co lanzamento de Microsoft, a empresa GarageGames estrou a versión de proba da súa plataforma Torque X, que inclúe o programa Torque Game Builder, que baseándose no sistema de Microsoft permite facer xogos para Windows e Xbox 360 mediante unha interface sinxela de arrastrar e soltar.