Microsoft lanza a versión definitiva de Silverlight

mércores, 5 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Silverlight achega vídeos do xogo Halo 3 en alta definición

Microsoft leva meses a preparar a súa plataforma multimedia para a web en resposta do Adobe Flash, de xeito que permitiría a creación sinxela de aplicacións integrables en páxinas web combinando imaxe, son e mesmo vídeo en alta definición.
Trala intensa fase de probas Silverlight chega á súa versión 1.0, que polo momento se ofrece para ordenadores con Windows ou con Mac OS X, anunciándose que nos vindeiros meses lanzarán soporte para o sistema operativo Linux.
As características de Silverlight 1.0 son realmente impresionantes, integrando o soporte de codecs que permite a reprodución de vídeos VC-1 e WMV, son WMA e MP3 dende o navegador (achegando a alta definición ós nosos navegadores, que permite mesmo a reprodución dos clips de vídeo a pantalla completa para unha mellor experiencia), carga progresivamente os contidos para poder reproducilos antes de completar a súa descarga, pode integrar streaming, serve para crear interfaces de usuario complexos e animados (podendo combinar gráficos vectoriais con HTML e mesmo soportando AJAX) e fai doada a creación de experiencias de reprodución de vídeo.
Tamén publican o Expression Encoder 1.0 que permite importar medios en distintos formatos (QuickTime, WMV, AVI e outros) para poder crear novas plataformas na Internet nas que se publiquen trailers, anuncios e moitos outros contidos audiovisuais.
O Silverlight podémolo ver en funcionamento en distintas webs como a do xogo Halo 3, o buscador Tafiti ou un sistema de seguimento dos candidatos á vindeiras eleccións presidenciais nos EE.UU.