Microsoft lanzará unha versión vermella da Xbox 360 co xogo Resident Evil 5

luns, 23 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos días vense rumoreando o posible lanzamento dunha versión da Xbox 360 de cor vermella, e dende o blog Vidaextra publican en primicia que se tratará dunha edición especial deseñada para lanzarse xunto co xogo Resident Evil 5 e que estaría limitada a só 7.000 unidades en España.
A Xbox 360 vermella sería un modelo Elite, con disco duro de 120 Gb, mando vermello sen fíos, o xogo Resident Evil 5, 3 meses de subscrición a Xbox LIVE Gold, o xogo Super Street Fighter II Turbo HD Remix, auriculares vermellos e cables Ethernet e HDMI, que chegaría ás tendas o vindeiro 13 de marzo por 299 euros, o que é unha promoción bastante rechamante, que podería atraer a moitos xogadores que aínda non se animaron a dar o salto ás consolas de alta definición.
Agárdase que este lanzamento se anuncie oficialmente mañá.