Microsoft limitará o número de fabricantes que comercialicen tablets con Windows RT este ano

martes, 24 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Steve Ballmer amosando un tablet con Windows RT

No outono teremos finalmente no mercado o sistema operativo Windows 8, que chegará tamén cunha versión reducida destinada a tablets (Windows RT), pero dende Microsoft parecen querer evitar o que actualmente acontece cos tablets con Android (pois hai numerosos trebellos de baixo custo que achegan unha experiencia de uso lamentable) e van intentar restrinxir os fabricantes que comercialicen trebellos con Windows RT a un grupo reducido, cando menos ata o ano que vén.
Polo que parece, cada fabricante de procesadores para tablets con Windows RT só prové a un par de marcas, de xeito que nVIDIA atendería a ASUS e Lenovo, Texas Instruments a Toshiba, e Qualcomm a Samsung e HP, mentres que o resto de grandes fabricantes de informática de consumo que non figuran na anterior relación centrarían os seus esforzos en desenvolver equipos completos con Windows 8 (deixando a un lado o Windows RT).
Microsoft quere ter certo control nos primeiros tablets con Windows RT (posiblemente para que acheguen todos unha experiencia de uso semellante á demostrada co seu Surface) para chegar ao mercado con certa uniformidade, para abrir a veda en xaneiro de 2013, cando o listón xa estea o suficientemente alto como para que os fabricantes de equipos teñan que manter certo nivel de calidade que permita que a nova plataforma de Microsoft poida competir no mercado actual de tablets, dominado claramente por Apple.