Microsoft podería converter o Zune nun teléfono

martes, 12 de maio do 2009 Marcus Fernández

Engadget adiante a aparencia do que podería ser o novo Zune

O reprodutor multimedia de Microsoft continúa a resistirse á comercialización fóra dos EE.UU. e a chegar ao grande público, pero os rumores que circulan pola Rede poderían supor un importante cambio de rumbo en breve, pois dende unha conta de Twitter non oficial (pero con certa relación con Microsoft) aseguraron que «xuño de 2009 vai ser un mes importante para os amantes de Zune», ao que engadiron que trátase dun «lanzamento dun novo produto, e todo o que podo dicir. Procura non mercar un iPhone/Pre», o que deu a entender que finalmente habería un Zune Phone ou algo semellante que podería ser o que se agoche detrás do proxecto Pink (do que se fala moito na web), aínda que finalmente podería quedar todo no lanzamento dun Zune HD.
Microsoft nega toda relación con esta información, o que non quere dicir que sexa incorrecta, senón que non recoñecen a oficialidade da súa fonte, e incluso hai rumores que dan detalles moi específicos do que sería o futuro produto. Non sería de sorprender que e tratase dun terminal co sistema operativo Windows Mobile 7 (lembremos que o WM6.5 aínda non está no mercado), cunha pantalla multitáctil de 3,5 polgadas e unha resolución de 800 x 480 píxeles (moi superior á do iPhone), procesador ARM v6+ con hardware para gráficos, cámara de 3 Mpíxeles, GPS, Wi-Fi, Bluetooth, compás, acelerómetro, sintonizador de radio FM… en definitiva, todas as características do que sería a nova xeración de produtos de man de Microsoft, sexan ou non fabricados pola compañía de Redmond.
Todo este rebumbio coincide cunha campaña na que Microsoft critica o custo de encher de música legalmente un iPod, mentres que o seu reprodutor conta co Zune Pass, que ten a posibilidade de contratar unha tarifa plana de música por 15 dólares/mes:
<a href="http://video.msn.com/?mkt=en-US&amp;playlist=videoByUuids:uuids:684af04d-ab7a-4eef-ac52-bfcb127036a5&amp;showPlaylist=true&amp;from=msnvideo" target="_new" title="Zune-Capacity">Video: Zune-Capacity</a>

ACTUALIZACIÓN: Dende a conta de Twitter que iniciou a cadea de rumores parecen admitir que todo era unha broma.