Microsoft proba unha aplicación móbil para identificarse no PC

mércores, 9 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Un usuario de Twitter deu conta dunha interesante aplicación que Microsoft tería publicado na tenda de aplicacións de Windows 10 para probas internas, e que podería mudar o xeito de identificarnos ante o ordenador, de xeito que os usuarios que quixeran desbloquear o seu ordenador, en vez de introducir o seu nome de usuario e contrasinal, chegaría con que vinculasen o equipo co móbil mediante Bluetooth para poder identificarse no mesmo a través dunha aplicación móbil que faría así a función de chave do equipo.
Phone Sing-in Beta estaría en fase de probas e en futuras versións incluiría soporte para contas Microsoft, servirá para identificarse en navegadores e redes privadas virtuais, servirá para xerar contrasinais de un único uso e outro tipo de medidas para incrementar a seguridade á hora de identificarnos ante os nosos equipos e dispositivos.
Aínda que estamos ante unha aplicación orientada polo momento a dispositivos con Windows 10, non sería raro que unha vez completada xurdan versións para iOS e Android, favorecendo así a identificación de usuarios dun xeito seguro.