Mio Digiwalker H610: GPS para mulleres (?)
luns, 6 de novembro do 2006
Mio Technology Europe vén de lanzar unha nova categoría de GPS, o Asistente Persoal de Viaxe (PTA); trátase do premiado Mio Digiwalker H610, o primeiro dispositivo GPS “deseñado especialmente para mulleres” (di o fabricante).
Conta cunha pantalla táctil de 2,7 polgadas, carcasas intercambiables, reprodutor multimedia, xogos, mapas de 24 países europeos, capacidade de almacenamento de 2GB e sincronización co Microsoft Oulook. E, ademais das funcións de GPS tradicional, vén co software Worldmate preinstalado (que achega información meteorolóxica), co convertedor de moeda, os prefixos telefónicos e co que os seus creadores definen como a calidade máis importante: convertedores de tallaxe de roupa e calzado, para facilitarlle á usuaria as compras nun país estranxeiro.
Será esta última a función que fai exclusivo este GPS para as femias? Se é así, unha de dúas: ou os homes non mercan roupa no estranxeiro ou as mulleres non proban a roupa antes de mercala para comprobar se é da súa talla.
Albiscando a páxina web oficial deste dispositivo comprobamos que definitivamente o que o fai exclusivo para mulleres é a variedade de carcasas que se inclúen no paquete, todas elas decoradas con flores ou motivos de tons rosas. Para botarse a tremer, claro! SÓ deste xeito se converte un GPS nun accesorio de moda imprescindible para elas, elegante e lixeiro á vez e que se pode levar pendurado do pescozo, no pulso ou no bolso; un dispositivo que responde ás necesidades das mulleres actuais, “algo co que elas queren ser vistas”, segundo manifesta Leo Exter, o director de marketing de Mio Technology Europe.
O H610 costa case 400 € e estará dispoñible en tendas a mediados de novembro. Dende ese día comprobaremos se este xeito ridículo e sexista de apelar a feminidade con flores atraen a este atractivo nicho de mercado. Polo de pronto, o Premio Internacional de Deseño que lle outorgou o Comité de Deseño iF de China non hai quen llo quite.
