Mobile Week Coruña achegará a tecnoloxía á cidadanía

xoves, 20 de setembro do 2018 Redacción

Presentación da Mobile Week Coruña en setembro de 2018A cidade da Coruña acollerá entre os días 21 e 28 de novembro a primeira edición da Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona (involucrada na organización do Mobile World Congress), iniciativa que fusiona arte, ciencia e tecnoloxía para crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual, e que presentouse esta mañá na Fundación Luís Seoane, nun acto de afluencia masiva no que participaron representantes do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña, do Club Financeiro Atlántico, da AMTEGA e de Mobile World Capital Barcelona.
A programación inclúe distintos actos de carácter transversal, para todos os públicos, e que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo municipal, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, convidou a toda a cidadanía a participar nesta primeira edición descentralizada da Mobile Week «para poder darlle a nosa perspectiva atlántica a un acto que nos sitúa, unha vez máis, no centro das novas políticas transformadoras». Esta «vocación de atlanticidade» tamén foi destacada por Mariano Gómez Ulla, presidente do Club Financeiro Atlántico, entidade que participa de forma activa na celebración deste evento innovador. Ferreiro tamén salientou a importancia da gratuidade das actividades que oferta esta cita tecnolóxica, incidindo en que «un evento deste tipo non ten sentido senón o facemos de forma participada, involucrando á cidadanía, tal e como facemos dende o goberno local».
Por outro lado, Carlos Grau, o CEO da Mobile Word Capital Barcelona, salientou que A Coruña está dentro da liga das «cidades do futuro» e salientou «a oportunidade que supón o seu porto como laboratorio activo» de retos de futuro. O acto contou tamén coa participación de Bernardo Fernández, deputado provincial e alcalde de Pontedeume, e Mar Pereira, directa xeral da AMTEGA, quen sinalou que o encontro nace pivotando na cidade herculina pero con vocación de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade.

Actividades e expertos

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.
Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente chave da dixitalización do territorio, a Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.

PUBLICIDADE