Mozilla quere integrar a IA en Firefox ao seu xeito

xoves, 13 de novembro do 2025 Redacción

Mozilla deu a coñecer os primeiros detalles do novo rumbo da intelixencia artificial en Firefox, unha aposta que a fundación quere diferenciar do resto do sector cun principio claro: garantir sempre a liberdade de elección do usuario. A compañía insiste en que a IA debe construírse coa mesma filosofía que a internet (aberta, accesible e orientada á diversidade de usos), e puxo como exemplo funcións recentes como o chatbot integrado na barra lateral da aplicación de escritorio ou a opción de axitar para resumir en iOS.
O seguinte paso chega coa AI Window, un espazo intelixente e totalmente controlado polo usuario que permitirá conversar cun asistente de IA mentres se navega. A novidade será opcional e poderá activarse ou desactivarse en calquera momento. Mozilla iniciou xa unha fase aberta de traballo na que invita a quen o desexe a inscribirse para recibir novidades, probar esta ferramenta antes do seu lanzamento e achegar comentarios.
A organización explica que a súa prioridade non é crear un ecosistema no que o usuario quede atrapado, senón mellorar o navegador sen imposicións. Lembra que non todos teñen as mesmas necesidades: hai quen emprega a IA a diario, quen só precisa dela puntualmente e quen simplemente sente curiosidade. Firefox pretende responder a todos estes perfís mantendo o control nas mans do usuario, que pode seguir navegando do xeito habitual, empregar unha xanela privada para reforzar a privacidade ou optar pola nova AI Window para acceder a unha experiencia máis personalizada.
Mozilla defende que a integración da IA no navegador resulta clave nun momento no que esta tecnoloxía se converte nunha das principais interfaces de acceso á web. Como navegador independente, asegura que está en mellor posición para garantir transparencia, responsabilidade e respecto pola vontade de quen navega. A fundación afástase así dos modelos que empuxan a usar a IA de forma constante e aposta por unha ferramenta que, en vez de limitar a navegación, actúe como compañeira de consulta e impulse a explorar a web.
A compañía anima a comunidade de usuarios e desenvolvedores a contribuír a definir este novo enfoque, lembrando que Firefox seguirá centrado en ofrecer unha experiencia rápida, segura e privada, ao tempo que explora como a IA pode mellorar a vida na web sen sacrificar os valores que sempre guiaron o proxecto.