Mundos Digitales 2017

mércores, 5 de xullo do 2017

Manuel Meijide, director do certame, debúllanos neste artigo as cousas polas que deberemos estar no evento e non en calquera outro lugar

A Coruña acollerá un ano máis, a décimo sexta edición de Mundos Digitales, o congreso internacional de animación, efectos visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital que se converteu nun referente do sector internacional da creación de contidos dixitais.
En canto a presenza internacional e como conferencia plenaria, Walt Disney Animation, da man do seu director tecnolóxico Rajesh Sharma, abrirá un potente programa de relatorios que combinará as grandes superproduccións de Hollywood e as producións estatais de referencia durante o tres días que farán de Coruña na capital europea da creación dixital.
Os responsábeis dos efectos visuais de producións como Guardianes de la Galaxia II, Rouge One: Una historia de Star Wars ou Juego de Tronos, contarán de primeira man as últimas tecnoloxías utilizadas nestas producións.
Cómpre salientar, así mesmo, que a nova produción de Lightbox Entertainment, Tadeo Jones 2, ademais de presentala en primicia da man dos seus directores, será a imaxe do festival para a edición deste ano.
Outra das actividades máis destacadas no congreso será a Feira de Emprego. Na nosa opinión, está claro que en Mundos Digitales créase o ambiente perfecto para pór en contacto a estudantes e profesionais do sector da animación e os efectos especiais con empresas que buscan talento. Por iso, esta nova edición da feira reunirá a máis de 20 compañías dispostas a identificar talento e incorporalo ás súas producións, converténdoa na segunda de referencia do sector a nivel europeo.
Coas novas tecnoloxías e as interfaces que dispomos na actualidade, o mundo visual da arquitectura, a enxeñaría ou o deseño convértense en atractivos eidos cheos de posibilidades para os desenvolvementos baseados en realidade virtual. Por iso, a partir deste ano, outra das novidades que terá o congreso é a sección Out of the Box: industry + design, unha xornada onde compartir os límites da visualización a través de novas aplicacións para tecnoloxías que, aínda que xa nos resultan familiares (imaxe fotogramétrica, dispositivos wearables, imaxe xerada con drons, sistemas LIDAR) adoitan ser empregadas en áreas como o patrimonio, a seguridade ou as montaxes audiovisuais... Queremos mostrar que estas tecnoloxías tamén son de aplicación noutras áreas que inicialmente parecen moito máis afastadas como por exemplo o salvamento marítimo, o comercio electrónico ou a xestión intelixente de edificios.
Prácticas de vangarda, novos modelos de negocio e innovación tecnolóxica daranse cita nesta nova actividade do Congreso Internacional Mundos Digitales.
Desde a organización cremos firmemente que en Galicia existe unha cultura dixital crecente e unha forte potencialidade de desenvolvemento de novos medios con moitas potencialidades na Industria 4.0. Os profesionais e empresas galegas, así como as nacionais destes sectores, teñen unha gran cultura innovadora, converténdoos nunha industria forte, que ten como referencia ao evento á hora de desenvolver proxectos e orientar as súas producións da man das tendencias máis actuais para, deste xeito, poder ser máis innovadoras e encarar con solvencia o camiño cara á competitividade e a internacionalización.
Unha chea de actividades como os Obradoiros Avanzados, o Festival Internacional de Curtas de Animación, o Innovation HUB, os School Leads, ou mesmo os obradoiros infantís, completan esta oferta de actividades coas que A Coruña converterase, un ano máis, na capital europea dos contidos dixitais para este verán.

PUBLICIDADE